Friday 29 de March de 2024

O Pico Sacro convértese no escenario dunha xornada astronómica e dunha ruta guiada


As actividades gratuítas terán lugar o 3 e o 4 de setembro, respectivamente

Boqueixón acollerá en setembro unha xornada de Observación da Lúa crecente e un roteiro guiado pola contorna do Pico Sacro.

A primeira cita, o sábado 3 de setembro ás 21:30 horas, será para os amantes da astronomía. Na cima do Pico Sacro poderase observar a Lúa crecente, Xúpiter, Saturno e estrelas dobres. A xornada estará guiada polos integrantes do equipo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC.
Trátase dunha actividade gratuíta organizada polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón, en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller e Turismo de Galicia –dentro do programa O Camiño das Estrelas. As estrelas do Camiño, O teu Xacobeo–.

As persoas interesadas en participar deben anotarse no Departamento de Cultura, no 981 51 31 15.
Ao día seguinte, o domingo 4 de setembro, o Concello de Boqueixón ten planeada unha ruta guiada gratuíta, “Unha volta ó Pico”, pola contorna do Pico Sacro.

A saída está prevista para as 9:30 horas desde a igrexa de Santa María de Lestedo. As persoas que participen terán ocasión de visitar o Pico Sacro, o antigo cemiterio de Lestedo e a igrexa da Granxa. O itinerario rematará no campo da feira de Lestedo e terá unha duración aproximada de 3 horas. Para ampliar esta información, poden contactar co 981 513 061.
Éxito de participación no espectáculo de Ó Titiribaile e no Concerto Singular de Píscore

Preto de 50 persoas asistiron ao espectáculo de Ó Titiribaile, “A sala de catapúm chim pun”, na piscina municipal de Boqueixón o pasado mércores. Unha cita educativa e divertida coa contacontos Erica González, acompañada polo guitarrista David Castro.

Ademais, o Concerto singular de Píscore, baixo a dirección de catro músicos con 16 baquetas e unha marimba causou sensación, entre os asistentes ao campo da feira de Lestedo. Un espectáculo que mestura música, comedia xestual e clown.